Friday 26 de April de 2024

Comezan cinco días de cinema documental en Outes


No día de hoxe celebrouse a primeira xornada da V Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, organizada polo Concello de Outes e patrocinada pola Deputación de Coruña e a Xunta de Galicia. Comprometida co medio mariño e o sector pesqueiro, procurando xerar conciencia sobre a necesidade de coidar o mar coma un dos recursos naturais máis valiosos que temos, MDFDM2022 é patrocinadora do Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais (AIPAA) 2022, promovido pola FAO e liderado en España polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación de España. Asemade, a Mostra MDFDM é asinante do Pacto Cultura Sustentable, comprometido coa Axenda 2030 e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).

Nesta primeira xornada, tivo lugar a gravación e retransmisión dixital dende o Náutico do Freixo dun especial do programa da Radio Galega “Mar de Ardora”, centrado no mundo do mar. Presentado e dirixido por Xusto López Carril, contou coa participación de Manolo González (alcalde de Outes), Marcos Gallego (director da Mostra MDFDM), Marisol Amado (Presidenta da Agrupación de Mariscadores a Pé da Confraría San Bartolomé de Noia), Xisela Franco (cineasta e curadora en festivais) e Ramón Collazo (presidente de Agalcari).

A Inauguración oficial da Mostra tivo lugar ás 17:30 h nun acto celebrado na Casa da Cultura de Outes, na Serra de Outes da man do director da Mostra, Marcos Gallego, do alcalde Manuel González e do deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto. Tralo acto, proxectouse o filme inaugural desta V edición de Mares da Fin do Mundo. O filme elixido para abrir a Mostra foi Luzzu, de Alex Camilleri (Malta/Estados Unidos, 2021), unha obra de ficción que documenta as dificultades dun pescador maltés por manter o seu medio de vida e tradición familiar. Do mesmo xeito, inaugurouse unha exposición fotográfica que conmemora o Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais 2022. As obras expostas están cedidas polo fondo fotográfico da FAO.

Ás 20:00 h proxectouse a obra From the Wild Sea, da directora danesa Robin Petré (2021). Trátase do primeiro filme da sección Proa, na que se programan filmes e cineastas que traballan na vangarda do cinema da realidade, que nesta edición porá o foco no impacto humano sobre a fauna mariña.